O decreto do galego é "o decreto da aldraxe" e non respecta a Carta Europea das Linguas Minorizadas

Santiago, 4 Xaneiro 2010. Os deputados do BNG, Carme Adán e Bieito Lobeira compareceron hoxe en rolda de imprensa para avaliaren o decreto que regula o uso da nosa lingua no ensino non universitario e cualificaron o decreto de “aldraxe e afirmaron que mesmo non respecta a Carta europea de linguas minorizadas".

Os deputados do BNG, Carme Adán e Bieito Lobeira, pediron no Parlamento galego a inmediata demisión do Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo por “mercenario contra a lingua galega e trasladar o conflito da lingua galega ás aulas con posturas extremistas reflectidas nun decreto no que o alumnado galego é o grande esquecido”.

O diálogo co BNG debe pasar pola retirada do decreto, a restitución da proba de galego no acceso ao funcionariado e a demisión de Anxo LourenzoO portavoz en materia lingüística e deputado do BNG, Bieito Lobeira reclamou hoxe en rolda de prensa, a retirada do que cualificou “rascuño de decreto” e explicou que se o Goberno do PP está disposto a dialogar co Bloque Nacionalista Galego deberá facelo baixo as seguintes premisas: retirada do decreto do galego, restitución da proba do galego no acceso á función pública e demisión de Anxo Lorenzo.

Bieito Lobeira e Carme Adán, durante a rolda de imprensa

Lobeira criticou que este decreto fora presentado a finais de ano e no nome dunha “suposta liberdade” cando o que realmente existe -dixo- é “un ataque sen paliativos contra a lingua galega na nosa propia terra e para o futuro”.

Para Lobeira, o PP pretende con este decreto que “os/as nenos/as e a mocidade de Galiza non saiban galego e aqueles que aprenderon galego dende o berce se lles impoña o español, así como aos que procedan dun contorno lingüístico español-falante, os obriguen a manterse no monolingüismo para o resto da súa vida.”

Lobeira afirmou que este decreto responde  “a aplicación no eido educativo, dun proxecto político españolista e imperial do Partido Popular utilizando coartadas para xustificar a eliminación da lingua galega do sistema educativo como a introdución do inglés”.

A formación nacionalista amosa o seu respaldo á folga convocada no ensino para o vindeiro 21 de XaneiroO deputado nacionalista acusou ao Partido popular de querer “desgaleguizar á mocidade galega como xa se fixera en tempos do franquismo e teñen a axuda- dixo- de Galicia Bilingüe, a FAES e a Falange española.”

Bieito Lobeira concluíu amosando o apoio do BNG á folga convocada pola Plataforma Queremos Galego prevista para o vindeiro día 21 de xaneiro no ensino.

UN DECRETO SEGREGACIONISTA

Pola súa parte, Carme Adán salientou que Feijoo con este decreto “está a hipotecar o futuro da mocidade galega” e cualificou de “decreto aldraxe” un documento que nin sequera respecta o artigo 8 da Carta europea das linguas minorizadas.

Carme Adán incidiu no “segregacionismo” que provocará este decreto na etapa infantil e tanto en primaria como en ESO, e afirmou que os criterios pedagóxicos foron “absolutamente esquecidos ao igual que o alumnado”.

A deputada do BNG denunciou que este decreto non seguira ningún criterio pedagóxico para a súa utilización no bacharelato ou na formación profesional e dixo que “estamos a ver a verdadeira ideoloxía deste decreto cando se afirma que en todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario especifico en galego” e dicir, o decreto “non garante a competencia lingüística plena en galego”.

Sobre o inglés, Adán destacou a importancia do coñecemento das linguas estranxeiras pero este decreto, asegurou, non aborda o desdobramento das aulas nin a metodoloxía a seguir e engadiu que non se entende que fora precisamente a Consellaría de Educación a que creara conflitos nas escolas de idiomas e reducira o profesorado nesta materia.

Na súa opinión, “este decreto non responde a unha vontade de gobernar nin de mellorar o ensino en Galiza, non hai propostas serias nin científicas, este decreto está elaborado con criterios políticos dunha minoría extremista que busca desgaleguizar ao alumnado”.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]