Iria Aboi: “O PP quer eliminar o galego do ensino para cortar de raíz o seu futuro, desde a mocidade”

A XI Asemblea Nacional de Galiza Nova escolleu unha nova directiva e ti recuncaches como Secretaria Xeral. Que supón esta reelección?

O feito de que a candidatura que encabezaba tivese máis votos e ser eu de novo a Secretaria Xeral supón un aval maioritario ao traballo que se fixo nestes 2 anos. Así que vese con ánimo de mellorar e avanzar moito máis, pero desde logo supón un recoñecemento do esforzo que houbo de traballar por Galiza Nova e mellorar como organización. É unha responsabilidade moi importante polo que implica desde o ponto de vista político, pero tamén polo que supón de sacrificio persoal. Este labor require estar as 26 horas do día a iso, e máis nunha organización como Galiza Nova con moitas cuestións ás que ten que dar resposta e estar moi activa.

Sae Galiza Nova reforzada ou tocada desta cita?

Penso que saímos reforzados, máis cohesionada, máis unida e iso vai ser unha cuestión que convide a que Galiza Nova mellore na súa acción social, a súa acción pública e no seu incardinamento dentro da xente nova. Isto vai ter os seus froitos e imos conseguir os nosos obxectivos.

Nesta nova dirección de Galiza Nova recóllense diferentes sensibilidades. Pode ser máis doado ou máis difícil traballar xuntos nunha dirección plural?


O feito de que se presentaran tres listas á dirección amosa a pluralidade interna da organización e a súa riqueza. Independentemente de que iso se reflectise na dirección, eses pontos de vista diferentes é necesario telos en conta porque todo é Galiza Nova. Todas e todos somos Galiza Nova e todas e todos temos que ser corresponsábeis co que a organización decide e acorda democraticamente nos seus organismos de cara ao traballo público e social. O feito de que a día de hoxe haxa diferentes tendencias organizadas dentro da dirección de Galiza Nova é moi positivo. Ademais hai un compromiso por parte de todo o mundo na actual dirección de traballar corresponsabelmente por Galiza Nova. Penso que vai ser doada esa tarefa porque xa hai o compromiso de traballar todos e todas xuntos, para que Galiza Nova saia máis cohesionada e máis unida ca nunca, para que todos asumamos os obxectivos que temos por diante e traballemos por eles conxuntamente.

Na Asemblea aprobouse un relatorio político e organizativo que recollía unha serie de propostas de resolución que serán a guía de Galiza Nova nos vindeiros anos. Cales son os seus eixos?


Hai unhas teses aprobadas por máis do 80% da organización que deixan claro cal vai ser o noso guieiro e tamén o grao de consenso e de apoio que teñen esas teses para ser asumidas. Aprobáronse amplamente e serán a nosa folla de ruta. Hai varias cuestións: mellorar na organización interna de Galiza Nova, mellorar e ampliar a nosa implantación territorial, ampliar a base militante e simpatizante, mellorar a nosa introdución social e, de xeito paralelo, mellorar o noso discurso, a nosa forma de achegarnos á xente nova, tendo en conta as novas tecnoloxías, novos ámbitos de socialización e as problemáticas que afectan aos mozos e mozas galegos.

Nós temos propostas claras, alternativas a calquera preocupación que a día de hoxe ten a xente nova e, nese sentido, temos que combater as políticas regresivas que está a impulsar en materia xuvenil o PP e ese combate frontal ás políticas conservadoras tamén vai permitir que a nosa acción social sexa máis clara e nidia e que poidamos conseguir os nosos obxectivos, non só a nivel político, senón tamén a nivel organizativo.

Existe unha certa idea na sociedade de que a mocidade de hoxe en día é máis conservadora e conformista. Pensas que é así? Isto reflíctese en Galiza Nova?


Temos analizado a tendencia de que a mocidade actual, supostamente, estea máis acomodada, sexa máis pasiva, máis despreocupada. Nese sentido calquera tipo de tendencia que se poida observar non é allea ao conxunto da sociedade. Hai determinantes que non son exclusivos nin inherentes á xente nova.

Iria Aboi, reelixida Secretaria Xeral de Galiza Nova

“Todos e todas somos Galiza Nova e a organización saiu reforzada desta Asemblea”Nas últimas eleccións galegas ou europeas pódese observar un apoio a posicións políticas máis conservadoras e iso hai que contextualizalo nun momento de crise económica no que hai posicións populistas que son social e politicamente máis regresivas que están tendo o seu apoio. Por exemplo, nas eleccións galegas, o PP conseguiu o goberno nun contexto no que a xente nova está a padecer as consecuencias máis graves e duras da crise porque xa tiñamos unha situación laboral moito peor á de outros segmentos sociais. Nun momento así téndese a castigar ao que goberna, neste caso, o BNG participaba nese goberno.

Eu non creo que a día de hoxe a mocidade sexa máis conservadora que hai dez anos, pero si hai unha serie de elementos que condicionan que poida haber apoios a determinadas opcións políticas. Inflúe o contexto de crise, inflúe tamén que a nosa mensaxe puidese transmitirse de xeito difuminado á xente nova, sen un perfil alternativo claro de impulso a novas políticas, mesmo cuestións como o avanzo da desgaleguización dos mozos, a falla de identificación coas bases materiais do País.

"Queremos mellorar e ampliar a nosa implantación territorial"Non creo que a mocidade sexa pasiva porque nos momentos en que ten que saír á rúa mobilízase. Só hai que ver a participación da xente nova na manifestación do 18 de outubro. Independentemente de que falaran español, estaban alí reclamando dereitos para a lingua propia do país.
A día de hoxe calquera mozo ou moza co que falemos na rúa percibe claramente cales son os seus problemas e os identifica igual que o fai Galiza Nova.

Outra cousa é ao que se adique a xente nova no seu tempo libre, se están máis asociados en clubes, organizacións, etc. Pero que a mocidade non idetifique os seus problemas e non intenta actuar nun momento crítico como o que estamos a vivir a respeito da lingua. iso non é certo.

Daquela cres que se creou unha imaxe ficticia de mozos e mozas sentados vendo a tele e navegando na Internet?


Eu penso que hai moito interese de presentar unha mocidade estereotipada. Unha mocidade pasiva, despreocupada, á que só lle interesa o botellón. Nada máis hai que ver as noticias referidas á xente nova. Non hai noticias en positivo da xente nova nos medios de comunicación. Isto foméntase desde determinados sectores da sociedade que desprenden unha visión paternalista e estereotipada. E a xente nova ten moito que aportar e moito co que contribuír a que a sociedade avance. Podemos ser un exemplo para outros sectores sociais. Hai sectores conservadores, apoiados por determinados intereses mediáticos e polo propio goberno da Xunta, que están interesados en manter esta mentira.

Actualmente, Galiza Nova mantén unha actividade moi reivindicativa en temas como o do botellón ou a lei do aborto. Cal é visión que se proxecta desde Galiza Nova e as alternativas que ofrecedes nestes temas de actualidade?


A respecto do botellón, nós cremos que se está dando unha imaxe moi reducionista da problemática do botellón. Non entendemos como as mocidades do PP, na anterior lexislatura, eran partidarias de non criminalizar á mocidade nin impulsar leis prohibicionistas e a día de hoxe se está dando todo o contrario por parte do PP. As políticas prohibicionistas non son a solución. Os problemas derivados do botellón son cuestións que haberá que arranxar a través do diálogo e de medidas concretas, pero non pola vía prohibicionista, senón tendo en conta a todos os sectores implicados. O que non é de recibo é que unha Conselleira como Pilar Farjas se propoña reformar a lei de drogas de Galiza sen contar cos sectores afectados, porque a día de hoxe aínda non tivemos nin o primeiro contacto coa Consellaría, a pesar de que o demandamos. Hai unha forma de proceder moi interesada, para lanzar unha imaxe interesada da xente nova e a cuestión do alcoholismo non é exclusiva da xente nova nin inherente ao feito de ser mozos e mozas.

Hai que dar unha imaxe desprexuizada do fenómeno do botellón e tentar chegar a vías de solución, sabendo que a vía prohibicionista xa se ten ensaiado na época de Aznar sen éxito.

E sobre a interrupción voluntaria do embarazo e a pílula postcoital?

Hai unha necesidade de avanzar na lexislación estatal aprobada no 1983 e de garantir que as mulleres poidan decidir sobre o seu propio corpo, que non se identifique sexualidade con maternidade e que haxa garantías para que as mulleres poidan tomar a decisión sobre unha interrupción voluntaria do embarazo sen interferencias de ningún tipo. Estamos no momento de non desaproveitar unha oportunidade coma ésta para seguir a avanzar na igualdade, porque diso falamos, de recoñecer o dereito a interrumpir voluntariamente o embarazo para que se poida exercer con garantías, gratuitamente, na rede pública e coas condicións sanitarias axeitadas e non na situación que teñen que soportar moitas mozas obrigadas a acudir a clínicas privadas ou mesmo a saír do país.

Estáse a manipular moito esta cuestión e prodúcese unha involución a respeito dos avanzos producidos en Galiza nos últimos anos. Para iso o PP segue unha estratexia moi planificada de revisar o papel dos centros Quérote, de asesoramento afectivo-sexual. Non é casualidade que non houbese ningunha campaña no verán, iniciativas ou actividades novas. Pretenden diminuír o seu perfil de cara á axuda que lle pode prestar a mozos e mozas. Tampouco é casual que se estean a lanzar afirmacións sobre a medida de dispensar sen receita médica a pílula postcoital, nin a pretensión do PP de subvencionar organizacións antiabortistas.

"Que se presentasen tres listas á dirección amosa a pluralidade interna"Como organización xuvenil parécenos un escándalo e estaremos para contestar estas políticas reaccionarias e esta revisión da política sobre sexualidade aproveitando unha tendencia e un contexto político convulso pola reforma da lei do aborto.

Para alén destas cuestións, existen toda unha serie de temas que afectan directamente á mocidade nos que o PP tamén está a levar adiante unha serie de novas políticas, como pode ser o ensino, a vivenda, o emprego. Que opinión che merece isto?

Estamos a falar de temas que centran as preocupacións de Galiza Nova e da inmensa maioría da xente moza. Nós imos contestar socialmente as políticas regresivas do PP porque non estamos dacordo co xiro en política xuvenil que se ten dado. Unha das cuestións máis sangrantes é a laboral. Non é de recibo que máis de 6 meses despois de chegar ao goberno falando de supostas medidas anticrise e de apoio a sectores sociais máis castigados, non se teña aprobado, nin posto enriba da mesa nin a primeira medida para contrarrestar os índices tan elevados de paro que afectan á xente nova ou a degradación das condicións laborais que a día de hoxe soportan moitos mozos e mozas e, pola contra, se estea ao lado de determinados intereses empresariais que están afogando aos mozos e mozas e ao conxunto da clase traballadora. Non é admisíbel nun contexto como o actual, ao igual que non é admisíbel o desmantelamento progresivo do ensino público. Elimínase a gratuidade dos libros de texto, subvenciónanse colexios privados que segregan por sexo, lánzanse anuncios para que as familias sufraguen os comedores escolares. Non sei cal será a próxima medida, pero son claramente inxustas e inadmisíbeis neste contexto de crise.

Galiza Nova sempre defendeu o carácter público do ensino, que debe ser de calidade, e a día de hoxe o PP está camiñando na dirección contraria. Non só niso, senón tamén na desgaleguización do ensino porque non é casualidade que un dos ámbitos nos que se busca a involución lingüística sexa o ensino. Queren desmantelar todos os avanzos dados nos últimos anos. Saben que se se corta o galego no ensino, se se corta daqueles ámbitos nos que a xente nova pode ter unha maior vinculación coa lingua, córtase de raíz o futuro da lingua galega. Todos os dados de estudos sociolingüísticos apuntan a que é entre a xente nova onde se produce unha maior desgaleguización e non é de recibo que o Goberno da Xunta propicie esa desgaleguización. Ten unha finalidade moi clara: o exterminio do galego cortando de raíz o seu futuro a partir da xente máis nova e por iso os mozos e mozas de Galiza Nova implícanse completamente na loita da plataforma Queremos Galego.

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]